HISTORIA DE TEATRO AVRESNO

A agrupación Teatro Avresno nace en Moaña no outono de 1997 da ilusión de cinco actores na procura dunha satisfacción: un teatro feito por e para eles. Cun obxectivo eminentemente lúdico comeza a procura dun achegamento do mundo do espectáculo ó público, baseándose sempre no traballo de elaboración propia, tanto na adaptación e traducción das obras que representa (todas elas traducidas ó galego), como na elaboración da escenografía e vestiario.

Trala elección da primeira obra, O Triciclo de Fernando Arrabal, e da adaptación da mesma, Teatro Avresno comeza a ensaiar logrando estrear por vez primeira en Agosto de 1998 en Moaña. Posteriormente virían outras actuacións en diferentes lugares, repartidas entre os anos 1998 e 1999, destacando entre elas as inseridas nos Ciclos de Teatro Afeccionado de Moaña e Cangas.

Esta polémica obra de Fernando Arrabal, escrita durante a época da posguerra, está guiada por uns personaxes desarraigados, marxinais, que se debaten nun mundo hostil e opresivo. Estes superviventes que subsisten na contradicción foron encarnados polos actores Lucía Duran, Christian Pena, Daniel A. Rodríguez, Sara L. Nogueira, Sole Costa e Javi García, que se enfrontaron ó labor de convertérense en rapaces obrigados a funcionar como adultos nun mundo de adultos.

Despois desta primeira experiencia a asociación Teatro Avresno decide embarcarse nun proxecto máis ambicioso, que foi a representación da obra As árbores morren en pé, do escritor Alejandro Casona. O grande reto que se presentou foi o de poñer en escena a un número moi elevado de actores no papel de personaxes soñadores que só teñen a loucura como alternativa á estupidez e que non conseguen diferenciar a fantasía da realidade. Os encargados de cuestionar a verdade e a mentira foron Romina Ferral, Ángeles Quintas, Benjamín Martínez, Miguel A. Juncal, Uxío Ramos, Sara L. Nogueira, Enmanuel Girondo, Miguel A. Juncal, Daniel A.Rodríguez, Inés Boubeta, Ángeles Quintas, Lucía Durán J. e Daniel Costas.

As árbores morren en pé foi representada en diversos lugares ao longo dos anos 2001 e 2002, destacando, unha vez máis, a participación no Ciclo de Teatro Afeccionado de Cangas e outras como a actuación no auditorio de Vigo ou a participación na Semana Cultural das letras galegas na Universidade de Vigo.

A finais do 2002 Teatro Avresno consolídase como Asociación sen ánimo de lucro co obxectivo de aumentar o radio de actuación e ofrecer un teatro de máis calidade. Tamén pasa a formar parte do Plan Cultural da Deputación de Pontevedra con presencia nos directorios anuais divulgados a nivel provincial e autonómico. Este programa permite ademais solicitar subvencións aos contratantes para fomentar cultura teatral galega.

O seguinte proxecto de Teatro Avresno foi A súa maxestade a moda, do valenciano Eduardo Quiles. Esta é unha peza atemporal sobre o absurdo dunha sociedade dominada pola incoherencia e a frivolidade, onde a poesía ou os amantes exóticos cotizan á alza e cadaquén ten algo que ocultar. Unha obra na que os personaxes (bardos, paranoicos, liberais ou marxinados), encarnados por Sara L. Nogueira, J. Daniel Costas, Ángeles Quintas, Benjamín Martínez, Enmanuel Girondo, Lucía Duran, Daniel A. Rodríguez, Rosa Martínez e Gerardo Morales, nos fan entrar nun xogo en que todo ten o seu prezo. Son extravagantes títeres obsesionados polos cartos, a moda, o sexo ou a supervivencia que forman unha familia rota pola presencia dun vagabundo que dá sentido ás súas vidas: chegar a parecer superior aos demais.

Esta divertida peza, dirixida ao igual que as anteriores polo tamén actor Daniel A. Rodríguez, foi estreada en maio de 2004 no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña e, posteriormente, representouse en diferentes lugares e certames durante 2004 e 2005, destacando a participación no "II Ciclo de Teatro Afeccionado" de Cangas, no ciclo "Invernos Culturais" en Vilalonga (Sanxenxo) e chegando incluso a cruzar fronteiras cunha representación en Benedita - Alcobaça (Portugal) no 2º FESTTEATRO (II Festival de Teatro Amador).

A seguinte tempada da Asociación comeza en inverno de 2006 recuperando a obra Historias íntimas do Paraíso de Jaime Salom. Catro son as personaxes (interpretadas por Juaco Martínez, Daniel A. Rodríguez, Sara L. Nogueira e Rosa Fernández) que se moven no escenario do Paraíso onde se descubre que Eva non foi a primeira muller, senón Lilí. Esta divertida comedia cun transfondo que invita á reflexión, entrenouse en Xaneiro de 2008 en Moaña e durante ese ano tamén se participou na "IV Mostra de Teatro Galego Afeccionado" do Concello de Sada (A Coruña), na "XI Mostra de Teatro Galego Afeccionado" celebrada en Sanxenxo (Pontevedra) e na "VII Mostra de Teatro Afeccionado do Condado (Móstrate)" celebrada en Fornelos da Ribeira - Salvaterra de Miño (Pontevedra).

En 2008 Teatro Avresno entra a formar parte da FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) para darse a coñecer a nivel autonómico e participar nos ciclos, talleres e actividades desenvolvidas por esta entidade.

Actualmente a Asociación Teatro Avresno segue existindo pero sen obras en cartel. A dificultade de conxeniar as dispoñibilidades dos seus membros para facer novas postas en escena dificultou a continuidade da actividade teatral da agrupación. Quizais nun futuro próximo, con zume renovado, poda retomarse a actividade con máis representacións na procura de novos escenarios e, como non, de novos aplausos.




 Novas | Historia | Obras | Fotos | Calendario | Contactar | Enlaces | Foro | Libro Visitas